FELIZ

Hai amores que nunca se abandonan. Amores embalsamados. Volven e revolven, como as cegoñas ou o salmón vogando río arriba. Hai amores que deixan marca na pel, como unha tatuaxe que escribes nos adentros para escapar da morte ou da tristeza. «Envuélveme con tu luz para que la muerte no me vea», escribiulle Juan Ramón á súa Zenobia. O tipo da barra afirmaba que hai amores que persisten. Embalsamados. Despois engadiu que estaba equivocado. Só un amor regresa, e regresan sempre os mesmos ollos e a mesma boca. Escoitábase música con maquillaxe de romanticismo fofo. A xente mirábase, incomunicada polas copas e a ambición da pel, que nunca se equivoca: cálida e lúbrica. Ardor, aire acondicionado no corazón, un río de individuos na rúa procurando a felicidade. Pero a felicidade está sempre no pasado: os mesmos ollos, a mesma boca. Invitoume a pasar con el o resto da velada. Eu díxenlle que marcharía antes de que saíse o sol. Deben ser os anos. Antes sentaba nos bancos dos parques agardando o amencer. Agora xa non o soporto. O brillo cégame. O chocolate con churros rasga a miña alma, ácido. El prometeu que marcharía antes ca min. Contoume que ela sufría o mal perverso dos celos. El, tamén. Un día dixo que o vira acariñando a perna dunha muller. E dixo que lle valía calquera, que lle daba pena, que nunca cambiaría («de falda en falda»). El xurou que era mentira. Despois dixo que ela estaba con este, con aquel. Deixaron de falarse. Cruzáronse outra noite. El fíxolle dúas preguntas. ¿Amas a outro? (1). ¿Quéresme aínda como eu te quero a ti? (2). Ela respondeu non (1), si (2). O meu contertulio calou. Eu pensei que seguiría a historia e preguntei: «¿Nada máis?». Contestou: «Non, nada máis». Timbrou o seu móbil. Marchou. Mentres camiñaba miroume só para dicir: hai amores que nunca se abandonan. Entendín a mensaxe e contestei: os mesmos ollos, a mesma boca. Feliz.

Columna de Xosé Carlos Caneiro, publicada en La Voz de Galicia el 11 de agosto de 2009.

Anuncios

1 comentario en “FELIZ”

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s